viernes, 5 de noviembre de 2010

Plan Operativo de promoción da Saúde e Prevención das drogodependencias

OS CONCELLOS DE CUNTIS E MORAÑA CONTINÚAN AVANZANDO EN MATERIA DE PROMOCIÓN DA SAÚDE E PREVENCIÓN DAS DROGODEPENDENCIAS


Cuntis e Moraña 5 de Novembro de 2010.

Un ano máis os concellos de Cuntis e Moraña asinan un Convenio de colaboración para o desenvolvemento de Programas de Prevención de Drogodependencias xunto coa Subdirección Xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables da Dirección Xeral de Saúde Pública e Planificación, da Consellería de Sanidade, a través da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP).

A través do Plan Operativo de Promoción da Saúde e Prevención das drogodependencias inténtase dar resposta a un dos grandes problemas aos que se enfronta a sociedade actual, que afecta non só á saúde das persoas directamente implicadas no consumo de drogas senón tamén ao benestar da comunidade. Isto vense realizando a través de varias intervencións que teñen como obxectivo minimizar a influencia dos factores de risco e potenciar os factores de protección ante o consumo de drogas. Desenvólvense accións destinadas a reducir e /ou retrasar o abuso de drogas, e/ou en caso de terse producido, reducir ao mínimo as súas consecuencias negativas.

Os programas inciden no feito de que a prevención das drogodependencias non é un traballo só de especialistas, senon que é responsabilidade de toda a sociedade, xa que o consumo de drogas é un fenómeno xeneralizado na nosa sociedade, apoiado en aptitudes tolerantes. Isto implica que é necesario desenvolver intervencións en diferentes ámbitos como o escolar, o familiar, o comunitario, o laboral etc. De aí, que para abordar en toda a súa amplitude a prevención do consumo de drogas, sexa necesaria a participación de todas/os as/os axentes sociais e institucións.

Outro aspecto importante a resaltar na prevención das drogodependencias é a importancia de manter informada á poboación dos recursos existentes no noso entorno. Para iso dende o Programa deseñouse un blog (prevencioncuntismorana.blogspot.com), a través do cal os/as usuarios/as poden atopar información sobre drogas, recursos asistenciais, actividades programadas dende o Plan Operativo, etc. Ademais, este Plan conta cun servizo de asesoramento para todas aquelas persoas que necesiten información sobre esta temática. O acceso a esta información pode facerse a través doutras vías ademais do blog, como a vía telefónica (tlf1: 986532579, tlf2: 986553541) ou acudindo persoalmente á oficina do programa no Centro Ocupacional “A Ran” Cuntis, os martes e xoves; ou na Casa de Cultura A.D.R. Castelao de Moraña os luns e mércores en horario de 8:00 a 15:00 da mañá.

A importancia do programa
Na actualidade en Galicia, ao igual que no conxunto de España, o consumo de drogas experimentou unha serie de variacións como o aumento do consumo de determinadas drogas e a aparición doutras novas. Todo isto define unha preocupante situación, considerando a curta idade na que comezan algúns consumos e a posible repercusión que estes poden exercer nun período da vida no que o desenvolvemento físico, psicolóxico e social é intenso.

Para correxir esta situación, nos concellos de Cuntis e Moraña o Plan Operativo de Promoción da Saúde e Prevención das drogodependencias, desenvolve dende o ano 2007 diferentes accións preventivas; que ano tras ano se adaptan as novas necesidades e variacións que xorden no ámbito das drogodependencias. Intentando así dar unha resposta máis axeitada e efectiva a esta problemática.

Diferentes actividades programadas en cada ámbito para este novo período:

- ÁMBITO ESCOLAR:

1) A saúde na escola (3 a 11 anos).
2) A experiencia de educar para a saúde na escola (12 a 16 anos).
3) Cinensino.
4) HHSS. (Habiliadades Sociais)


- ÁMBITO FAMILIAR:

1) Iniciando unha escola para pais/nais.


- ÁMBITO COMUNITARIO:
1) Xogar fomentando hábitos saudables.(nenos/as de 4 a 13 anos).
2) Obradoiro VIH-Sida
3) Obradoiro bebidas saudables sen alcol para mozos/as.
4) Previr xogando (nenos/as de 4 a 13 anos).
5) Programa para deixar de fumar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

DEIXA AQUÍ A TÚA OPINIÓN